Radiólogos alertan de "escravitude" no CHUAC e o SERGAS responde que vai contratar a tres máis
A Administración sae ao paso das durísimas críticas lanzadas polos sindicatos CIG -onte- e CESM -hoxe- sobre a situación do servizo de radioloxía no hospital público da Coruña, o CHUAC.
En última instancia, son os pacientes os que pagan a falta de doutores. Por exemplo, a Comisión de Atención Hospitalaria denunciou este inverno atrasos de meses para realizar radiografías e outras probas, claves para a detención temperá de doenzas como o cancro, na que un diagnóstico temperán é fundamental para aumentar as posibilidades de salvar a vida.
Ante as queixas de falta de persoal, a Xunta, consultada por Galiciapress, indica que "a estrutura funcional e de recursos humanos viuse incrementada por persoal técnico e celadores". A Xerencia da área Sanitaria da Coruña-Cee engade que vai reforzar o servizo con "tres contratos de facultativos que permitan distribuír as cargas de traballo"
CAMBIOS NO SISTEMA DE GARDAS
Ademais, promete outras melloras. Por exemplo, "está a traballarse na elaboración e implementación por parte dos responsables do Servizo dun calendario de gardas que garanta unha atención continuada, ademais de ofertar formación complementaria para a mellora de habilidades diagnosticas para aqueles profesionais que estimen que así o precisan". Engade que tamén "se están buscando solucións de apoio tecnolóxico para optimización dos tempos de traballo dos radiólogos".
A Xunta, que parece consciente dos problemas, enmarca estas medidas dentro do "Plan Integral de Mellora Asistencial do Servizo de Radioloxía da área Sanitaria da Coruña e Cee” no que traballan dúas comisións creadas ad hoc.
Cales son as queixas en concreto dos sanitarios? É sindicato médico CESM tacha de "situación límite" a que soportan os 17 radiólogos do CHUAC ante a falta de recursos humanos. A central estima que se necesitan 4 ou 5 radiólogos máis de maneira urxente.
De "exclavitud" cualifica o CESM o nivel de carga de traballo destes profesionais, que levan cinco anos insistindo en que necesitan máis compañeiros. Os radiólogos pon o foco na complexidade e importancia do seu traballo, que non se debe facer con présas dado o transcendente, das decisións que se poden tomar por mor dos seus informes.
"CESM expón que ter que realizar entre 100 e 200 probas diagnósticas e informalas nunha garda normal, e duplicar esa cifra cando acoden até 500 pacientes nunha garda de 24 horas, é unha situación que se asemella bastante á escravitude", sinala a central.
O sindicato critica a "imposición de dobrar a xornada laboral, de maneira que os facultativos case non teñen tempo para comer" e advirten que o problema será peor no verán, cando estiman que os galenos se enfrontarán a xornadas de 10 a 14 horas ao día durante 10 ou 11 días ao mes.
Xa onte outro sindicato, a CIG, alertouse da situación “límite” do servizo pola “gran sobrecarga” que capean os radiólogos do CHUAC. Cales son as causas? En opinión da central nacionalista, un dos motivos é “escaso recambio xeneracional".
PODÍASE REALMENTE "FACER MÁIS CON MENOS"?
Unha queixa que se parece moito ás esgrimidas por outros especialistas do SERGAS nos últimos anos. Os sanitarios aducen que agora se están pagando anos de recortes, cando a Xunta aplicaba aquela política de "facer máis con menos".
Na era de Alberto Núñez Feijóo, o SERGAS concretou esta directiva nun aumento das horas extras para o persoal xa contratado á vez que reducía as prazas estables para novos médicos. Isto permitiulle sacar adiante carga de traballo mediante peonadas, pero empuxou a moitos daqueles mozos sanitarios cara á emigración ou a privada.

A magnitude do problema faise evidente agora, cando aqueles galenos que no seu día permitiron zafar ao SERGAS chegan á idade da xubilación e as listas de contratación están buxán, sen médicos noveis dispostos a substituílos a cambio dun contrato temporal.
Unha posible solución, en opinión do CESM, serían crear comisións de servizo. "Os radiólogos afectados sinalan que se o problema que aduce a Xerencia para esa dotación inmediata é que non existen prazas estruturais, que recorran ás comisións de servizo como fan cando lles interesa", conclúe a súa nota.
Escribe tu comentario